Á conversa con CRISTINA PATO | Canto Conto
Esta é, sen dúbida, unha das conversas máis especiais do podcast ata a data. Se ben é certo que coñezo a Cristina dende cativa, como tantos de nós, de vela actuar na TV ou escoitala na radio, podo dicir que tiven a sorte de coñecela hai algo máis de 10 anos atrás, nunha etapa na que eu era todo ilusión, nunha etapa na que foi moi importante para min dar cun referente coma ela. E si, falo dela coma referente, coma inspiración (aínda que reflexionamos sobre este concepto na conversa). Había uns cantos anos que non cadrabamos, e foi agora, entre este momento de presentación de Fora de foco, a súa última novela, e o pretexto deste podcast, que nos volvemos xuntar. Con ela tiven a sorte de ter unhas cantas conversas ao longo dos anos que me fixeron reflexionar moito e que me axudaron en momentos clave. E esta é unha máis, só que cun micro diante, para facervos partícipes tamén a vós. Coma sempre, xenerosa comigo, e eu, agradecida con ela. Acompañádenos nesta conversa :)
24. Á conversa con LUCÍA PÉREZ | Canto Conto
Este episodio é o "crossover definitivo", as "Pérez" xuntas á conversa! Hai tempo que me apetecía sentar un día con Lucía Pérez para coñecela mellor e saber máis do seu camiño e carreira, e que mellor ocasión de facelo que aquí, no Canto Conto e compartilo con vós! Neste episodio falamos de música, do importante que é facer camiño, de xeitos diferentes, de atopar cada quen o seu camiño para avanzar en firme. Tamén facemos un repaso sobre moitas experiencias e vivencias de Lucía ao longo da súa carreira, dende que gañou aquela primeira edición da Canteira de Cantareiros con apenas 18 anos ata o seu paso por Eurovisión no 2011. Acompáñanos nesta conversa do máis interesante!
23. Á conversa con JOSHUA KENNETH | Canto Conto
Coñecino na Facultade, non pasaba desapercibido (na conversa descrubriredes por qué), mais se algo me une a Joshua son as peripecias. Na miña memoria gardo con moito cariño momentos e anécdotas algunhas surrealistas, outras emotivas, porque ter un "mago" na Facultade, non era cousa menor! O caso é que foi o Audiovisual o que nos uniu e a vida a que fixo que compartisemos momentos coma un videoclip (nada máis e nada menos que o meu primeiro). Aínda lembro os tempos nos que Joshua sacaba adiante a carreira mentres, paralelamente estudaba Ilusionismo en Madrid, a súa aposta ía moi en serio, e non lle faltaba razón e confiar na súa intuición porque está claro que naceu para isto. Hoxe vexo como vai polo mundo adiante facendo espectáculos, gañando premios, facendo do ilusionismo a súa profisión e vida... e que orgullosa estou! Disto e moito máis falamos neste episodio, acompáñanos! PD: Atención, porque hai truco! Teredes que prestar moita atencion...
22. Á conversa con LIDYA QUEIRUGA | Canto Conto
Lidya Queiruga é unha gran fotógrafa que tiven a sorte de cruzar no camiño e que rematou por converterse nunha gran amiga. E é que, como podedes ver na conversa, alén de ser unha persoa coa que se pode falar de todo, filosofar un chisco e desafogar outro, é alguén que sempre ten cento e unha cousas que contar e da que sempre aprendo, nunca deixo de aprender cousas con ela. Ela fai mil cousas, anda en moitos “saraos” pero eu destaco dela a súa gran paixón e talento como fotógrafa de natureza, é iso o que lle enche o corazón e ben se sinte na hora de falar e tamén no que transmite dende os seus encuadres. Viaxou por moitos lugares, contemplou e retratou centos de paisaxes, e detrás de cada foto hai historias, tantas que non chega un só capítulo para contalas. Falamos de fotografía, mais falamos tamén do que supón voltar a Galiza por parte dunha persoa que viviu fora uns cantos anos, do duro dese regreso. E falamos tamén da vivenda… por que sen pretendelo, é “o tema” que está presente nas conversas da nosa xeración un día tras outro. Acompañádenos nesta conversa!
21. Á Conversa con BAIA FERNÁNDEZ | Canto Conto
Eu sabía que Baia era unha muller creativa, con sentido do humor e moi interesante, mais nunca tiven oportunidade de coñecela coa calma dunha conversa. Seguramente vos pase coma a min, tropecei con ela en internet, a través dos seus vídeos, do seu xeito de falar e de expresarse, onde o humor se une á crítica por veces, cunha boa dose de retranca e con reflexións interesantes que quedan no aire para convidarnos a darlle uso á cabeciña. Mais Baia é desas persoas que non paran, pois está en diversos proxectos, pasando pola escrita, o teatro, a comunicación e tamén a educación emocional. É, sen dúbida, desas persoas coas que dá gusto falar, coas que se aprende moito e coas que estaría horas e horas á conversa. Acompañádenos nesta parolada interesante na que falamos de todo un pouco, reflexionamos sobre o humor, as redes, as emocións e moitas outras cousas.